A muller, de 54 anos de idade, foi detida pola policía nacional logo de ameazar a clientes e traballadores dun pub e ser interceptada minutos despois conducindo un vehículo baixo os efectos do alcohol. Impútaselle un delito de Resistencia e Desobediencia, e outro delito Contra a Seguridade do Tráfico.
Os feitos tiveron lugar á primeira hora da madrugada de onte, cando a responsable dun local nocturno avisou de que unha muller estaba a ameazar aos clientes e empregados do establecemento. Unha vez no lugar os axentes observan a unha muller sentada na barra que ao detectar a presenza dos policías comezou a vociferar á vez que facía xestos cara aos presentes. Despois de tentar acougala, os policías lograron que esta muller depuxese a súa actitude e abandonase o establecemento coa intención de irse á súa casa, a escasos metros do lugar.
Ante o risco de que esta persoa volvese ao local e causase algún problema, os axentes quedaron pola zona, cruzándose poucos minutos despois cun vehículo conducido por esta muller. Tras darlle o alto e realizarlle un control de alcoholemia comprobaron que a condutora superaba o límite máximo permitido polo que procederon á súa detención e posterior traslado a dependencias policiais.
A detida, que contaba con catro antecedentes policiais, pasou a disposición do Xulgado de Instrución número 2 dos de Redondela.