Esta temporada o equipo redondelán está a superar as mellores expectativas. Situados na cuarta posición da táboa, están a un punto da fase de ascenso. O técnico, Carlos Rey, amósase moi satisfeito polos resultados, especialmente do traballo da canteira, e atribúe o mérito ao compromiso e esforzo dos xogadores.
No partido da pasada xornada en Lavadores impuxéronse con claridade ao Las 5 Jotas malia viaxar a Vigo con numerosas baixas no equipo titular. Xogadores do equipo de categoría autonómica e xuvenís asumiron a responsabilidade e déronlle o triunfo ao Plastic Omnium (23-33). Unha vez máis demostraron na pista a calidade do equipo redondelán e a súa aposta polo xogo defensivo, que lle vale o título de equipo menos goleado da liga. Unha estratexia que defende Carlos Rey para compensar as limitacións do equipo e que lle está a dar excelentes resultados. Con esta mesma filosofía enfrontaranse na próxima xornada ao Poio Artai. O pechacancelas do grupo visita Redondela “sen nada que perder”, o que supón un perigo para o técnico, que advirte aos seus xogadores que deben estar ao cen por cen para sumar un resultado positivo. Para Rey a situación na táboa do Poio “non significa nada”, e para gañar terán que demostrar a súa superioridade na pista. A cita é o sábado ás 18.30 horas.