O Concello inaugurou onte as rehabilitadas “Casas dos mestres” que se destinarán ás actividades da Banda de Música Artística de Arcade. A nova sede da formación ocupa dúas das casas que o Concello rehabilitou para actividades culturais e de formación cun investimento de 115.000 euros procedentes das arcas municipais. Os locais contan cunha superficie superior aos 150 metros cadrados recuperándose así un espazo que anteriormente se atopaba en desuso e en estado de abandono.
A nova sede da Escola de Música conta cun despacho para o director da escola, seis aulas e dous baños, un deles adaptado para minusválidos. Todas as clases están completamente equipadas para o seu uso inmediato e están dotadas con equipos de climatización, lousas brancas con pentagramas, dous espellos para os ensaios particulares, conexión a internet e asentos e espazo suficiente para albergar a máis de 50 alumnos.
Durante a presentación da nova sede descubriuse unha placa conmemorativa do evento coa que se rendeu un pequeno e sentida homenaxe a Don Carlos Abal Movilla, gran impulsor da banda durante décadas e que mesmo chegou a ceder parte do seu patrimonio persoal para as actividades da escola de música e os ensaios da banda. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, lembrou a importancia do apoio das institucións públicas ás asociacións que contribúen ao desenvolvemento social e cultural do municipio.
Soutomaior posúe un gran apego musical avalado pola ampla historia da Banda de Música Artística de Arcade, a 3ª máis antiga de Galicia, fundada en 1868. Desde entón xa son case 150 anos os que esta agrupación vén percorrendo e amenizando as festas e verbenas de toda Galicia coas súas cancións e pasacalles. Na actualidade a banda conta con máis de 40 membros nas súas filas e máis de 70 alumnos, entre nenos e adultos, nas 16 especialidades que se imparten na súa escola de música.