Unha man chea de goles foi o resultado do recital de fútbol que ofreceu o Choco sobre As Pontes, que ofreceu unha mala imaxe en Redondela. E a goleada puido ser mesmo maior, xa que os de Jacobo Montes tiveron múltiples ocasións para aumentar a vantaxe sobre o equipo rival.
Terceira División
Choco 5-0 As Pontes
Rotunda vitoria de Choco, que superou completamente a un rival, As Pontes, que estivo desaparecido do terreo de xogo. O primeiro tanto chegou pasado o cuarto de hora de partido, cando a presión de Silva aos centrais do equipo visitante provocou unha perda de balón e o remate de Fernando dende fóra do área para superar a Marcos. No minuto vintecatro Silva aproveitou un centro de Carminatti para anotar o segundo tanto e, no tramo final da primeira metade, Fernando volveu a marcar tras aproveitar un saque de curruncho mal defendido polo equipo visitante. O enfrontamento estaba decidido ao descanso e na segunda metade o Choco errou ata catro ocasións claras antes do gol de Aitor Gómez. No desconto pechou o partido Hugo dende o punto de penalti para manter ó Choco quinto a dous puntos da promoción. Próxima xornada o Choco xoga no campo do seu inmediato perseguidor, o Alondras, a dous puntos de distancia dos de Redondela.
Choco: Cortegoso, Yago Vázquez, Saúl (Cristian, min. 45), Lucas, Carminatti, Fernando, Gonza, Xosé Ramón (Comis, min. 52), Félix, Hugo, Silva (Aitor Gómez, min. 73)
As Pontes: Marcos, Hugo Filgueiras (Aitor Díaz, min. 80), Jorge Nano, Chote, Rochela (Varela, min. 66), Dani Fernández, Iván González (Santi Fernández, min. 66), Bossa, Álex Cabarcos, David Amado, Pablo Domínguez.
Goles: 1-0, min. 18: Fernando; 2-0, min. 24: Silva; 3-0, min. 40: Fernando; 4-0, min. 85: Aitor Gómez; 5-0, min. 89: Hugo, de penalti.
Árbitro: Del Río Amor. Expulsou con cartón vermello directo a Jorge Nano. Amonestou a Saúl e Xosé polo Choco e a Rochela e Santi polo As Pontes.
Segunda Autonómica
Choco B 4-2 Matamá
O filial do Choco segue na cabeza da clasificación, e na próxima xornada poderá seguir mantendo esa boa posición xa que xoga no campo do pechacancelas, o Sampayo
S. Adrián 3-0 Arcade
O Arcade segue afundido na parte baixa da táboa, logo da derrota no campo do S. Adrián. A próxima xornada reciben ao Catoira, nos últimos postos da clasificación.
Terceira Autonómica
Cotobade 0-3 Cesantes
Tres puntos para o Cesantes, que escala posicións. Na próxima xornada os de Redondela enfróntanse aos segundos do grupo, o Campañó.
Chapela 6-0 Coia
O Chapela, escala ao 2º posto logo da goleada sobre o Coia. Dous goles de Rafa, Miguel de penalti, Diego, Adrián e Firmés, foron os autores da xesta. Logo do parón da Semana Santa volverán á competición no campo do Mosende, que é 5º.
Santa Eulalia Donas 5-0 Peña Beretes
Os de Chapela seguen no pozo da táboa logo de sufrir unha dura goleada. Na próxima xornada terán ocasión de mellorar resultados, xa que reciben ao pechacancelas, o Fortuna.
At. Vilar 2-0 Louredo
Os de Redondela seguen quintos logo de impoñerse ao pechacancelas do seu grupo, o Louredo. Á volta da Semana Santa xogarán no campo do Vilasobroso, que é 2º.