As deputadas nacionalistas presentaron unha proposición non de lei no parlamento solicitando a supresión da peaxe da AP-9 no tramo comprendido entre Vigo e Redondela “polos prexuizos que causa nos habitantes da zona así como ao sector transportista que opera no Peirao de Vigo”. Solicitan tamén que se melloren “os deficientes accesos aos estacionamentos en Rande que complican enormemente as manobras dos transportistas e causa retencións na N-552”.
Na proposición non de lei presentada polas nacionalistas Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez, lembran que se trata dunha demanda histórica tantos dos veciños que empregan esta vía como dos profesionais do transporte sobre todo tendo en conta o elevado prezo deste tramo de autoestrada “a penas catro quilómetros polos que usuarios e camioneiros deben abonar case un euro: 0,90 céntimos”. Lémbranlle ao resto dos parlamentarios, descoñecedores da nosa xeografía, que os condutores no caso de non empregar esta autoestrada vense obrigados a facer unha “ampla excursión que os leva atravesar Chapela por rúas e estradas perdendo máis de media hora”.
Lembran tamén que os veciños do noso concello levan tempo demandando a eliminación desta peaxe tal e como si se fixo no Morrazo e que dende Fomento deberían dar resposta e esta petición que viría compensar “o destrozo causado polas distintas infraestrutura viarias ao seu paso por Redondela, especialmente pola Ap.-9, situación que empeorará coa ampliación da autoestrada”
Dende o BNG fan referencia tamén ao custe que teñen que afrontar os transportistas que traballan no peirao de Vigo, un dos sectores profesionais máis afectados por este custosísimo peaxe, obrigados a empregar a AP-9 para realizar transportes internos entre instalación do propio peirao vigués.