Drama, humor negro, comedia…unha mestura de xéneros é o que nos propón o XI edición do Redondela en curto que se vai celebrar en Redondela entre o 23 e o 26 de abril. 16 curtametraxes elixidas entre as máis de 700 recibidas. A elevada presenza de curtas galegas levou á organización a crear un pase fóra de concurso no que se proxectará exclusivamente audiovisual galego.
Unha historia de poligoneros chegada dende Barcelona baixo o título “060 mg” podería estar segundo o director do certame, Fernando Carreira Cuchi entre as predilectas do público. Con todo insiste na calidade dos 16 traballos elixidos e enumera outros títulos como Safari, dirixida por Gerardo Herrero unha película que se adentra no horror das matanzas de institutos estadounidenses como Columbine e no que se ofrece unha reflexión sobre estes dramáticos episodios que ocorren no ámbito escolar. Los huesos del frío protagonizada por Marta Larralde ou El vidente con Karra Alejadle no papel de El Gran Brando, un vidente que cada noite congrega diante do televisor a centos de espectadores poderían contar co favor do público. Entre as curtametraxes a concurso e que se podería facer polo tanto cos 1500 euros do premio concedido polo público que asista ás proxección atopamos tan só unha cinta galega, a película rodada en Vigo por Angel Manzano “Deber”. Iso si, ante a elevada chegada de curtametraxes galegas, o festival crea este ano un apartado específico no que se poderá ver exclusivamente audiovisual galego.