Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco imponse ao líder en Pasarón e regresa a postos de promoción de ascenso

RR_Noticias

Silva e Comis foron os autores dos goles que permitiron a remontada do Coco ante o Pontevedra. E rompen coa racha de Pasarón, onde os granates non perderan ningún partido esta temporada. Tres puntos que permiten ao Choco facerse coa cuarta praza que permite xogar o “play off”.

Terceira División
Pontevedra 1-2 Choco
O equipo de Redondela logrou onte a vitoria no campo de Pasarón ante o líder da categoría, o Pontevedra, e tras superar o gol inicial de Pablo Carnero. Jacobo Montes e os seus pupilos propuxeron un enfrontamento sen medo ante o que é o mellor equipo da categoría, e con moitos xogadores no centro do campo, fixéronse coa posesión e o dominio do esférico. Non obstante, o primeiro en marcar sería o equipo local tras unha carambola. Cortegoso quixo xogar en longo tras un saque de esquina en contra, pero o esférico rebotou en Fernando e caeu ós pés de Carnero, que só tivo que empurrar o balón. Silva aproveitou unha pena máxima para facer a igualada e xa no segundo tempo unha xogada do dianteiro rematou co disparo cruzado de Comis, que marchou ata o fondo da portería de Edu. Nos últimos minutos aguantou o resultado o equipo de Redondela para subir á cuarta posición, zona de promoción de ascenso, grazas ao tropezo do Rápido de Bouzas. Os de Montes terán que defender esa cuarta praza a próxima fin de semana en Santa Mariña diante do Bergantiños, que é 8º, a tan só dous puntos dos redondeláns.
Pontevedra: Edu, Adrián, Lobato, Pablo, Capi, Kevin Presa, Tubo (Jacobo, min. 68), Múñiz (Pedro García, min. 58), Pablo Carnero, Mouriño, Jorge Rodríguez (Anxo, min. 53).
Choco: Cortegoso, Iago Vázquez, Saúl, Lucas, Carminatti, Fernando, Comis (Pablo Piñeiro, min. 79), Xosé Ramón, Félix (Rober, min. 87), Hugo, Silva (Aitor Gómez, min. 71).
Goles: 1-0, min. 29: Pablo Carnero; 1-1, min. 32: Silva, de penalti; 1-2, min. 61: Comis.
Árbitro: Manuel Casanova Cudeiro. Amosou cartón amarelo a Kevin Presa e Jacobo polo Pontevedra e a Iago Vázquez polo Choco.
Segunda Autonómica

Choco B 2-0 Gondomar
O filial do Choco mantense na segunda praza do grupo, a tan só dous puntos do líder, o Nigrán, logo de superar ao Gondomar, afundido na metade baixa da clasificación. Un gol en cada parte foi suficiente para que os redondeláns aumentaran a súa vantaxe con San Miguel e Lavadores. Precisamente o San Miguel será o próximo rival dos redondeláns.
Atlético Cuntis 1-2 Arcade
Os de Soutomaior reciben un balón de osíxeno ao sumar tres puntos no campo do Cuntis, que perde as posicións de cabeza no grupo. A próxima xornada o Arcade recibe ao Catoira, penúltimo clasificado.
Terceira Autonómica

Chapela 1-1 Peña Beretes
Reparto de puntos no derbi local entre os dous equipos da parroquia. Rafa foi o protagonista do encontro, poñendo a cara e a cruz para o seu equipo. O xogador foi o autor do gol do Chapela, pero logo foi expulsado e complicou as cousas para os anfitrións, que non puideron consolidar a vitoria no derbi. Circunstancia que aproveitou o Peña Beretes para anotar o gol do empate. Na próxima xornada o Chapela, na segunda praza, xogará no campo do San Roque, penúltimo do grupo. O Peña Beretes, desde a parte baixa da táboa, recibirá ao Balaídos, que é quinto.
Vilar – Nespereira ( suspendido)
Na vindeira xornada o Vilar xogará no campo do Covelo, penúltimo clasificado.
Sampaio 3-0 Cesantes
O Cesantes está cada vez máis afundido no pozo da clasificación logo da derrota no campo do Sampaio. A próxima fin de semana terá ocasión de mellorar os seus resultados, xa que recibe ao Marín, situado un posto por baixo dos redondeláns.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará