As propostas celebraranse en horario de mañá e tarde para aproveitar a ampliación de horario da biblioteca. Entre as propostas destacan as actividades para nenos como os talleres de Manualidades e Ciencia Máxica para escolares, os contacontos infantís e a obra de teatro “Nuncabunga” da compañía Elefante Elegante. As actividades infantís arrancarán esta tarde ás 17:30 horas cun contacontos muscial a cargo de , Pablo Díaz quen ofrecerá o seu espectáculo para bebés “TocToc”. A obra é totalmente gratuíta e está dirixida a nenos de até cinco anos de idade.
Con estas propostas a biblioteca municipal pretende achegar aos veciños ao seu novo horario de mañá e tarde promovendo actividades en diferentes momentos que se axusten á dispoñibilidade de toda a poboación.
O mércores, a partir do once da mañá, a biblioteca acollerá o taller práctica Ciencia Máxica para escolares. Trátase dunha actividade concertada cos centros educativos coa que se pretende espertar nos pequenos o gusto pola ciencia. Pola tarde, a partir das 16,15 horas, celebrarase unha nova sesión de manualidades para nenos e nenas na que a artesá Elisabet Hillerud ensinará aos asistentes a confeccionar o seu propio marcapáxinas infatil.
O xoves 23, a partir das doce da mañá, os alumnos dos centros educativos locais gozarán da obra de teatro “Nuncabunga” da compañía Elefante Elegante e a semana terminará con outra sesión de contacontos. Esta vez será Fátima Fernández a que interpretará o seu espectáculo “Érase unha vez uns zapatos”, o venres a partir das 17:30 horas, a nenos e nenas a partir de cinco anos de idade.