Partidos tradicionais, novas formacións, candidaturas cidadás e agrupación de electores amplían a oferta electoral de cara aos comicios de maio. Aos xa coñecidos candidatos Javier Bas polo PP, Eduardo Reguera polo PSOE e Xoan Carlos González do BNG engádese a presenza da Agrupación de Electores (AER) liderada por Ricardo Figueroa e Son Redondela con Luisa Cayetano no posto de saída. A estas formacións hai que sumar o recén nacido partido Ciudadanos de Centro Democrático (CCD) con Manuel Alvarez Rodríguez como candidato e irrompe tamén Redondela Pode (PODER), liderada por Raquel Quintáns.
Un total de sete candidaturas presentarán lista ás eleccións de maio segundo se recolle no Boletín Oficial da Provincia. Xa eran coñecidas as candidaturas presentadas por PP, PSOE e BNG con Javier Bas, Eduardo Reguera e Xoan Carlos Gónzález ao fronte.
Mentres os populares apostan pola continuidade con poucas novidades na súa lista, agás as incorporacións do que fora xerente da Fundación da Illa de San Simón, Xavier Alonso e o ex presidente do Redondela FS, Julio Mougán así como a inclusión da actual secretaria do alcalde, Mª Carmen Amoedo. que se incorporan a unha lista da que caen os edís de cultura e festas, Julio Alonso e Herminda Quelle, as outras dúas formación apostan pola renovación para convencer aos votantes.
Tanto PSOE como BNG, malia manter nos seus postos de saída caras coñecidas, si presentan unha candidatura con moitas incorporacións e na que destaca en ambos os dous casos a inclusión de xente moi nova.
Repite tamén candidatura a outra formación con presenza na corporación municipal, a Agrupación de Electores (AER) que logo de reunir os avais necesarios para acudir a estes comicios presenta como candidato a Ricardo Figueroa.
Hai tamén novos partidos que van intentar facerse un oco na política local. Entre eles atopamos a formación Ciudadanos de Centro Democrático que presenta no noso concello unha candidatura liderada por Manuel Alvarez Rodríguez.
En canto ás plataformas cidadás finalmente haberá dúas que aglutinan entre os seus membros xente procedente doutras formacións políticas como Podemos ou Espazo Ecosocialistas no caso de Redondela Pode, unha agrupación que se define como “unha iniciativa de unidade popular e cidadá que se constitúe como partido político, cuxo ámbito de actuación é Redondela” e que está liderada por Raquel Quintáns.
Tamén muller é a candidata de Son Redondela, Luisa Cayetano quen preside unha candidatura de esquerdas que aglutina neste caso membros de Anova, Esquerda Unida, Podemos e independentes.