Tanto o Redondela FS como o Campito, os dous equipos que militan na autonómica sur despediron a tempada con derrotas nos seus respectivos encontros. Mellor lle foron as cousas aos Arealonga na autonómica norte que logrou vencer o seu último partido disputado esta fin de semana ante o Noia con vitoria para os locais por 3-1.
O Redondela FS caía derrotado no seu último encontro da tempada ante o Verín FS cun apertado 4-3. Os redondeláns acudían a este encontro só con oito xogadores, novamente sen porteiros, pero malia a situación tan adversa a piques estiveron de traer algo positivo da localidade ourensán.
O encontro non podía comezar peor: unha forte presión dos locais, cunha rápida circulación de balón faría que en dez minutos o marcador amosara un claro 3-0 para Verín. A partir de aí os de Redondela reaccionaron e un pouco antes do descanso Nando empurraría un balón posto por Borja sobre a liña de portería e reducía a vantaxe local, de cara a segunda metade.
Catro minutos despois de arrancar a segunda parte novo contratempo para o Redondela, un gol dos locais que deixaba o marcador cun amplo 4-1. Aínda así os visitantes lograron remontar e a falta de minuto e medio o resultado era de 4-3. De aquí ao final do encontro, o Redondela tería dúas ocasións clarísimas para o empate pero o marcador xa non se movería.
Final de tempada para o Redondela FS, que novamente volve a estar sorprendentemente entre os mellores, unha terceira praza, nunha Liga Galega moito máis competitiva coa do ano pasado.
Tamén nun meritorio 8 posto despide a tempada o Campito. O club que por primeira vez xogaba nesta categoría logrou o obxectivo da permanecía malia despedirse cunha derrota. Un encontro que xa se adiviñaba complexo ao recibiren os locais ao líder indiscutible da categoría, o Sala Ourense. Partido que rematou co resultado de 5-9.
Mellor remate de tempada para o Arealonga que na autonómica norte conseguía unha vitoria ante o Noia. Partido que remataba co resultado de 3-1 e que deixa a este equipo no noveno posto da táboa.