A XVI edición do Festival internacional de Títeres celebrarase do 26 ao 31 de maio coa participación de 24 compañías procedentes de Brasil, Perú, Portugal, Francia, Cataluña, Madrid e Galicia. Máis de 70 espectáculos que se espallarán polas rúas e prazas do concello e unha intensa programación de sala que fará as delicias de grande e pequenos. Dende a organización intensifican este ano a programación do venres e propoñen acudir disfrazados a un singular “paseo dos pitiños” que terá lugar o domingo polo paseo da Portela.
A edición deste ano trae a Redondela 24 compañías da máis variadas procedencias que escenificarán máis de 70 espectáculos nos seis días de duración do Festival e que se reparten nos tradicionais eixos da programación: escolares, programación de sala e de rúa. Un intenso programa ao que lle faltan días para dar cabida a todas as actividades previstas. Así, nesta edición intensifícase notablemente a programación do venres con propostas variadas que se desenvolverán no multiusos, no auditorio do Piñeiral, no paseo da Xunqueira, na praza de Reveriano Soutullo, no Centro Cultural de Redondela e na casa da Cultura. Tamén como novidade propóñennos participar do “Paseo dos pitiños”, unha excursión que mestura contorno e espectáculo o domingo día 31 e na que están convidados a participar grandes e pequenos preferiblemente disfrazados. Unha festa da diversidade que encherá de novo Redondela de marionetas de fíos, marionetas tradicionais, vangardas creativas, xogos participativos, teatro de rúa e un feixe de sorpresas. E como non, presenza tamén galega na que cómpre destacar aos gañadores do premio María Casares polo seu espectáculo A casa do avó, falamos dos redondeláns Tanxarina. Como complemento a esta intensa programación haberá tamén unha exposición que baixo o título “Foto colectiva” pretende recoller as mellores instantáneas dos 16 anos do festival.