A decisión dos populares de non participar no debate electoral organizado pola Radio Municipal foi criticado por todas as formacións que si estiveron presentes nun acto desenvolvido no Multiusos da Xunqueira e no que os participantes debullaron o seu programa centrado entre outros puntos na creación de emprego e nos servizos sociais. Un encontro cordial no que o público amosou o seu interese por coñecer posible pactos postelectorais.
Eduardo Reguera (PSOE), Xoán Carlos González (BNG) Ricardo Figueroa (AER), Luisa Cayetano (Son Redondela) e Mar Núñez (Redondela Pode) participaron dun debate que se prolongou durante máis de dúas horas nas que achegaron as súas propostas electorais en materias diversas. Entre as medidas que teñen previsto abordar no caso de chegar a alcaldía en materia de emprego destacaba Reguera a necesidade de incrementar a formación naqueles sectores nos que hai demandas tales como o automóbil ou o mar “e non como fai o actual goberno que organiza cursos sen ter en conta se teñen saída laboral”. Avogou tamén por facilitar o autoemprego “simplificando trámites e rebaixando taxas aos parados que decidan converterse en autónomos”. O nacionalista Xoán Carlos González asegurou que o seu partido promoverá o emprego de calidade logo de explicar que a día de hoxe os empregos que se crean son moito máis precarios que os creados catro anos atrás. O BNG promovería segundo dixo o comercio de proximidade e a implantación de empresas turísticas e culturais. Ricardo Figueroa aproveitou a súa intervención para criticar os obradoiros desenvolvidos nestes catro anos “por careceren de saída laboral algunha” e avogou pola creación dun banco de terras. Tamén a formación resulta un piar fundamental para Son Redondela, A súa candidata Luisa Cayetano defendía que se crease unha axencia municipal de emprego para xestionar este tipo de cursos. Como novidade propón que se poña en valor o casco vello coa implantación de traballos artesanais. Finalmente dende Redondela Pode defenderon a creación dunha consellería do mar “que defenda a pesca de baixura e o marisqueo, a empresa máis grande que conta día de hoxe Redondela e que está ameazada polos intereses de Xunta e empresas xaponesas” explicaba Mar Ñúñez. Unha propostas que chegaban logo dunha primeira intervención na que todos os partidos presentes no debate lamentaron e criticaron a ausencia do PP que non estaba presente na mesa por decisión propia. Eduardo Reguera insistía na idea de que “Javier Bas pasará a historia como o primeiro alcalde que renuncia a acudir ao debate da Radio Municipal”, Defendía ademais o seu programa “no que se deixan de lado as grandes infraestruturas para centrarse en solucionar os problemas dos veciños”. A ausencia do PP tamén era criticada dende o BNG. Xoán Carlos González presentaba ademais unha lista “que quere liderar o próximo goberno local con xente nova, independentes e presenza ao 50% de mulleres e homes”. Ricardo Figueroa lembraba que AER se presentaran hai catro anos para reclamar maior transparencia e participación, uns eixos que seguen sendo fundamentais de cara ao vindeiro mandato ao que se presentan para ademais controlar aos cartos públicos e garantir que non se malgasten. Son Redondela chegou ao debate lembrando que son unha “candidatura de confluencia na que converxen diferentes partidos que buscan evitar que se reediten as políticas de dereitas no noso concello”. Mar Núñez defendía a presenza no goberno de Redondela pode como “o único partido que ten un código ético asinado por todos os seus membros”. Un debate que se prolongou durante máis de dúas horas e no que houbo oco tamén para as preguntas do público que se interesaron entre outras cuestións polos posibles pactos electorais que poderían acadarse logo do 24 de maio. Todos os partidos amosaron a súa disponibilidade a chegar a acordos para desbancar na alcaldía ao PP no caso de que se repetise a situación de hai catro anos agás a Agrupación de Electoras, quen reiterou unha vez máis que “non entraremos nun goberno de coalición” pero non se manifestaron abertamente sobre cal sería o seu papel sobre posibles apoios para investir a calquera forza política “temos un programa e a logo das eleccións decidiremos” concluíu Ricardo Figueroa ante a insistencia do público.