Os de Jacobo Montes despediron a liga de Terceira División cunha derrota en Ribadumia 3-1, aínda que coa praza asegurada na fase de ascenso a Segunda B. No balonmán local, a SAR Shopimagen quedou ás portas do ascenso á División de Honra Prata Feminina ao perder co BM Pereda.
Terceira División
Ribadumia 3-1 Choco
Os equipos encerelláronse nun partido de ida e volta, marcado pola gran cantidade de ocasións que se crearon. O Ribadumia tivo a primeira ocasión aos tres minutos por mediación de Changui, que non conseguiu superar no man a man a Aarón. Cando aínda non se cumpriu o primeiro cuarto de hora do partido, Fran Matos tocaba o balón coa man na interior da área, penalti que o árbitro non dubidou en sinalar e que permitía a Róber pór aos redondeláns por diante. O Ribadumia igualaría a contenda nunha acción similar, ao anotar Changui un penalti tras un derrube de Sidibé na área visitante. Antes do descanso, Changui puido pór por diante aos locais desde o once metros, pero nesta ocasión, Aarón conseguiu adiviñar a súa intención e detivo a pena máxima. O Ribadumia saíu con moita máis intensidade na segunda metade. O medio centro anotou dous tantos nada máis regresar ao campo, e deixou tocados aos xogadores do Choco, que comezaron a pensar na cita histórica para o club que teñen nos próximos días. O ritmo de xogo foi decrecendo aos poucos e apenas se xeraron ocasións claras de perigo. Os redondeláns entran hoxe no sorteo do play off xunto co campión, o Pontevedra, o Deportivo B e o Cerceda
Segunda Autonómica
Choco B 1-2 Teis
O filial do Choco perde o liderado logo da derrota diante do Teis. Ocupan agora a segunda praza e despiden a liga no campo do Victoria, da metade da táboa.
Arcade 3-0 Noalla
O Arcade recupera posicións logo dun sólido triunfo diante do Noalla. Máis complicado terán puntuar a próxima xornada, o domingo visitan o campo do Umia, segundo clasificado.
Terceira Autonómica
Chapela 2-0 Sta Eulalia
Mosende 1-1 Peña Beretes
Atl Vilar 1-1 Pontellas
Cesantes 1-2 Monteporreiro
Balonmán Fase de Ascenso á División de Honra Prata Feminina
BM Pereda 24-23 Sar
A mala sorte cebouse coa Sar Shopimagen e quedou ás portas do ascenso. Aos quince minutos o equipo redondelán perdía de cinco, pero lograron reporse e ao descanso acurtaban distancias e só perdían de dous goles(10-12). Na segunda parte déronlle a volta ao marcador e a falta de dez minutos gañaba con dous goles de vantaxe. Varias decisións dos árbitros en contra das redondelás deron a vitoria ao Pereda, que concluíu na primeira posición do grupo, rubricando así o seu ascenso. O SAR Shopimagen pecha a súa participación na segunda posición con dúas vitorias e unha derrota, a de onte ante o Pereda.