Os veciños de Reboreda preparan este ano unhas festas moi especias na honra de Santa María, xa que se celebra o 175 aniversario desta celebración de xeito ininterrompido. O concerto de Milladoiro será un dos pratos fortes o 13 de agosto.
O voceiro da Comisión de Festas, Manuel Abad, lembrou que se trata dunha “festa familiar” na que todos os veciños participan. Salientou que a celebración deste ano, co 175 aniversario, será especial para a parroquia, e convidan aos veciños de todo o municipio e o resto da bisbarra a achegarse a Reboreda para compartir esta festa. Abad agradeceu a colaboración do Concello e da Deputación de Pontevedra, que lles permite contar co concerto de Milladoiro, que será o 13 de agosto. A Deputada Provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez, salientou que é algo extraordinario que unha parroquia celebre esta festa desde mediados do século XIX de xeito ininterrompido, mesmo en períodos tan duros como a Guerra Civil. Por iso considera que a festa merece un concerto “moi especial” como é o de Milladoiro, unha agrupación que tamén recolle a tradición de Galicia, do mesmo xeito que fai a parroquia de Reboreda. A Deputación colabora tamén cun concerto de música sacra do Coro Liceo de Vilagarcía, que será o día 8 de agosto. O alcalde, Javier Bas, agradeceu a colaboración do ente autonómico e salientou tamén o traballo das comisións de festas, neste caso de Reboreda, xente “entregada” que de xeito desinteresado fai un gran esforzo para dar a coñecer a súa parroquia. As festas comezarán o 5 de agosto cos actos relixiosos e rematarán o día 16. Na fin de semana contarán con verbenas coas orquestras Trébol, Ritmo Noche, Compostela, Almirantes, Poceiro e D´Lider.