O candidato do PP á alcaldía de Soutomaior leva vinte anos ao fronte do concello. Logo de dúas décadas non pensou en ningún momento en deixar a política ou pasar a un segundo plano “porque aínda me quedan cousas por facer”. Amosa a súa confianza en revalidar a maioría absoluta “é case imposible repetir os nove concelleiros cos que contamos actualmente porque a marca PP non está no seu mellor momento pero si cremos que acadaremos os 7 concelleiros necesarios para gobernar en maioría”.
O candidato popular entende que os veciños volverán apoiar o proxecto que lidera entre outras cousas porque “acadamos importantes logros neste mandato” e destaca entre outros o feito de “non ter subido impostos nos últimos dous anos grazas a unhas arcas municipais saneadas con débeda cero, estamos a atender a todos os solicitantes de axudas como a emerxencia social ou subvención para a compra de material escolar”. En canto ás infraestruturas lembra a realización do paseo marítimo de Arcade ou a escola de música municipal. Iso si, tamén recoñece que non foron quen de dar resposta a unha demanda necesaria, como é a construción dun novo instituto no Concello.