Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela entra en campaña esixindo aos políticos que atendan ás demandas históricas da parroquia

RR_Noticias

O soterramento da autoestrada, a eliminación da peaxe en Rande, o saneamento integral, a recuperacións das praias, ríos e regatos ou a construción dun apeadeiro na parroquia son algunhas das necesidades que a Asociación de veciños entende imprescindibles e que segundo denuncian non houbo goberno municipal que fora quen de atender.

En total son 36 as demandas concretas que o colectivo veciñal recolle nun listado no que fan un percorrido polas carencias da parroquia e as promesas que se lles foron facendo ao longo dos anos sen que ata o de agora tiveran unha resposta.
Lembran por exemplo que levan 30 anos agardando por un PXOM unha situación que cualifican de “insostible e inadmisible”. Pero non é esta a única demanda en materia urbanística xa que entenden como prioritario que se proceda a soterrar a autoestrada no tramo que percorre Chapela “é dicir, menos dun kilómetro entre o Pavillón e a Ponte de Pasán, unha actuación que solucionaría a maioría dos problemas que xera a AP9”. No mesmo sentido reclaman que se elimine a peaxe da autoestrada “nun tramo ridículo de traxecto, os veciños temos que pagar 0,95 €, por entrar e saír no mesmo Concello, unha discriminación que só pasa en Redondela”.   
Esixen tamén que se dote a parroquia de saneamento integral e se adopten medidas encamiñadas a recuperar e sanear as praias, os ríos e regatos.
En canto as infraestruturas denuncian as deficiencias da piscina e reclaman que a Comisión de Seguimento traballe con seriedade ata que se aclaren os puntos que non cadran nun investimento de case seis millóns de euros.
Outra das demandas que recolle é que se execute de xeito inmediato o proxecto de estación de ferrocarril para chapela e que se poña en marcha un tren de proximidade. Falando de mobilidade demandan que se poña un límite nas achegas que o concello fai ao actual modelo de transporte metropolitano, un modelo que cualifican “de absurdo para os cidadáns e un gran negocio para as compañías de transporte”.
Un centro de día e a tan demandada gardería para Chapela son outras das reclamacións que recolle esta asociación de veciños.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará