Desigual seguimento de pais e nais á convocatoria feita dende a Confapa para se mobilizar en contra da chamada reválida. Mentres algúns centros se atoparon coas aulas praticamente baleiras ou con tan só cun terzo do alumnado de 3º de Primaria, outros colexios como os de Chapela, Porto Cabeiro e Quintela a maior parte dos pais optaron por enviar aos seus fillos a clase.
A confederación de APAs (Confapa-Galicia) pedía aos pais que non levaran aos seus fillos de terceiro de primaria a clase para que non fixeran a evaluación individualizada que contempla a Lomce e que se está a celebrar en dúas xornadas, onte mércores e hoxe xoves. Entenden que esta proba enmarcada dentro da coñecida como Lei Wert “é segregadora e antipedagóxica”, na que se só se evalúa aos alumnos polo resultado obtido en dous campos concretos como as competencias lingüísticas e matemáticas sen ter en contra ningunha outra variable. Ademais lamentan que en base a estes resultados se vaia a clasificar tanto ao alumnos como a elaborar un ranking dos centros.
A mobilización en Redondela resultou bastante irregular. Así, foi no colexio Outeiro das Penas en Cesantes onde o boicot foi maioritario e tan só asistiron a clase 5 dos 30 nenos matriculados nese curso. En Cedeira só asistiron un terzo do alumnado (8 nenos dun total de 24). Importante tamén a ausencia nos colexios de Santa Mariña en Redondela. Neste caso asistiron a clase tan só 24 dos 64 nenos de terceiro de primaria. No colexio Santo Paio de Abaixo en Reboreda foron 18 os alumnos que participaron da reválida dun total de 42.
Pola contra, o boicot a esta proba case non se deixou sentir nos tres colexios de Chapela (Alexandre Bóveda, Igrexa e Laredo) e a totalidade do alumnado someteuse tamén a esta proba nos colexios de Porto Cabeiro (11 alumnos) e de Quintela (17).