As persoas interesadas en participar desta actividades formativa-laboral deberán estar desempregadas e inscritas no servizo público de emprego así como ter solicitado a participación neste tipo de programas a través da oficina de emprego. As especialidades que se van impartir son agricultura ecolóxica, na que se formarán un total de 8 alumnos, e albanelería e cantería con 12 prazas.
Especialidades que foron elixidas, segundo nos explicaba a técnica de Emprego Mamen López Duarte, por non supoñer un elevado custe para o concello e por outra banda por seren innovadoras “requisitos que son tidos en conta por parte da Xunta á hora de baremar e conceder este tipo de obradoiros”. Son ademais características que entenden favorecerán a empregabilidade dos alumnos . O alumnado, ademais de recibir formación teórica, porá en marcha accións concretas vinculadas coa especialidade elixida. Así os alumnos de albanilería encargaranse das obras de rehabilitación e recuperación da antiga escola de Cedeira, un inmoble semiderruído nas inmediacións da igrexia parroquial. No caso do curso de agricultura ecolóxica traballarase na producción na horta de Pousadouro así como no coidado e mantemento das árbores froiteiras sementadas o ano pasado en diferentes lugares do concello. Un programa mixto no que o alumno está contratado polo concello durante seis meses e no que os participantes son remitidos dende a propia oficina de emprego de Redondela, seleccionados entre aqueles demandantes que tiveran amosado interese en participar neste tipo de accións. Está previsto que as clases arranquen no mes de setembro e estase a espera que se conceda un segundo obradoiro que estaría dirixido especificamente a desempregados menores de 25 anos e que leva por nome “Redondela emprega xove”.