A XVI edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) arranca este venres coa programación de rúa e con espectáculos de sala en distintas ubicacións do concello. Un total de 15 actividades que terán lugar no Paseo da Xunqueira, na Praza Reveriano Soutullo, no Multiúsos da Xunqueira, no Auditorio de Chapela, no Centro Recreativo Cultural e na Casa da Cultura cun coloquio titiriteiro conducido por Quico Cadaval. Esta multiprogramación nace como antesala da fin de semana, na que a vila enteira se encherase de espectáculos de monicreques e de música.
A compañía madrileña Titiriguiri e o seu espectáculo “Hay un gallo en tu tejado” era a encargada de pechar na mañá de hoxe a programación escolar do festival que achegou ao teatro a máis de 2.100 cativos en 8 funcións representadas no Auditorio de Chapela e mais no Multiúsos da Xunqueira. Xa pola tarde, a programación de sala multiplicarase en espazos e en funcións. Os brasileiros de Pigmaliâo Escultura que Mexe farán cinco pases de 15 minutos de “O Quadro de uma familia” no Multiúsos da Xunqueira ás 20:30h, 21:00h, 21:30h, 22:00h e 22:30h a un prezo único de 3€. O espectáculo recolle a filosofía da compañía, que traballa entre as artes escénicas e as artes plásticas con grande profundidade conceptual e filosófica, e emprega corpóreos e monicreques. O aforo da sala reducirase a 80 persoas por sesión, e está recomendado para maiores de 16 anos. Na fin de semana temos un intenso programa que inclúe actividades de rúas xa a partir da unha do mediodía do sábado. Nas dúas xornadas os espectáculos multiplicarnase en diferentes espazos e como non continuará a programación de sala en ambos os dous días con pases ás cinco da tarde para todos os público, o sábado coa proposta de Titiriguiri, unha obra que mestura a manipulación de monicreques co traballo de actor, as artes plásticas e as novas tecnoloxías e que, ademais, nárrase en verso e o domingo cos redondeláns Tanxarina e a obra A casa do avó, premio María Casares. A programación de sala completarase o sábado con El Avaro da compañía catalá Pelmánec e o domingo “Body rhapsody” a cargo do perunano Hugo Suárez, un mestre na arte dos monicreques corporais encargado de pechar o festival deste ano.