As persoas ou asociacións interesadas en celebrar a noite de San Xoán coas tradicionais cacharelas deberán contar coa pertinente autorización municipal. Dende a Concellería de Medio Ambiente lembran aos interesados que deberán entregar no Concello antes do 17 de xuño unha solicitude de autorización que poden descargar da páxina web do concello.
O departamento de Medio Ambiente lembra que as persoas solicitantes serán responsables dos danos e perdas que se poidan ocasionar a terceiros. En canto aos requisitos que deberá respectar a fogueira, establécese que o volume do material combustible da mesma non superará os 8 metros de diámetro nin os 3 metros de altura e que a separación entre as fogueiras e os edificios, árbores e demais obxectos que poidan resultar danados será como mínimo de 12 metros. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin na proximidade de produtos inflamables ou zonas forestais.
Prohíbese expresamente a queima de pneumáticos, plásticos, aceites, e, en xeral, calquera substancia que poida desprender fumes tóxicos.
Ao finalizar a fogueira, antes de abandonar o lugar, os responsables da organización coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas e o lugar nas adecuadas condicións de salubridade.