A Concellaría de Medio Ambiente, en colaboración coa Concellaría de Cultura, continúa coa terceira das rutas de sendeirismo por Redondela programadas neste trimestre. A actividade, desenvolvida por Faia Educación Ambiental, realizarase o domingo 14 de xuño cun percorrido que terá o seu inicio e remate na Casa da Cultura de Ventosela. Para participar cómpre inscribirse, ata a véspera da actividade, a través do correo electrónico info@faia.gl ou do teléfono 686 99 87 06. O límite de persoas para cada grupo é de 50. A inscrición é de balde.
A ruta das pedras ten una lonxitude aproximada de 10 km, de dificultade baixa e con percorrido por parte da parroquia de Ventosela. As persoas participantes camiñarán por un percorrido, sinalizado xa hai anos pola Asociación de Veciños de Ventosela, a través de pistas forestais. O principal interese deste percorrido é litolóxico, dadas as singulares formacións rochosas presentes en todo o itinerario, e tamén paisaxístico.
O obxectivo fundamental desta proposta é o coñecemento, a visualización e estima da diversidade do territorio a partir do patrimonio natural e cultural. As rutas inclúen paradas curtas coas que se pretende informar sobre os ámbitos que cada zona nos ofrece, e inclúen o tratamento dos ecosistemas mareiros e boscosos, o coñecemento das especies vexetais que os conforman, o solo e a litoloxía ou o clima, no ámbito natural.
A parte social, cultural, histórica e económica abordarase a través do patrimonio inmaterial e material, onde salientarán a toponimia, o léxico singular e a arquitectura tradicional.
A ruta comezará ás 10.00 h e está recomendada para maiores de 10 anos. Aconséllase estar no punto de partida quince minutos antes, con roupa e calzado cómodo e axeitado. A hora aproximada de remate será ás 13.30 h.