O partido socialista acolleu con sorpresa a decisión da Agrupación de Electores, feita pública onte a través dun comunicado, de apoiarse a si mesmos na sesión de investidura que se celebra o vindeiro sábado ás 11:00h no Multiusos da Xunqueira. Unha decisión que volverá sentar na alcaldía ao popular Javier Bas. O cabeza de lista do PSOE asegura non entender a decisión de AER logo de celebrar dúas xuntanzas “nas que houbo boa sintonía e entendemento, tendo en conta ademais que a porcentaxe de acordo nos nosos programas é dun 75%”. Reguera lamenta que se perda “unha nova oportunidade de poñer en marcha en Redondela un goberno de esquerdas”.
O candidato socialista Eduardo Reguera lamenta a decisión de AER de non apoiar un goberno alternativo en Redondela que desbanque da alcaldía ao PP. Dende o PSOE amosaban onte a súa sorpresa logo de coñecer a decisión da Agrupación de Electores que permitirá aos populares seguir no goberno. “Pensamos que nos ían dar a oportunidade de gobernar tendo en conta que as reunións entre as dúas formacións desenvolvéronse de xeito amable e distendido e tendo en conta que o tanto por cento de coincidencia programática pódese cuantificar nun 75%”. Lamentan tamén dende o PSOE que non exista a posibilidade de poñer en marcha “un goberno de esquerdas que evite que o PP continúe aplicando en Redondela, como fai en todos os concellos nos que goberna, as súas políticas neoliberais”. Insistiu Reguera na idea de que dende a cidadanía “envióusenos unha mensaxe clara, a de que tiñamos que poñernos de acordo, que tiñamos que entendernos para gobernar a través das políticas de pactos. Nós como partido máis votado da oposición intentamos liderar ese goberno pero a postura de AER, tal e como xa fixera hai catro anos, dálle o goberno ao partido dos recortes”.