A asociación de país e nais de todos os colexios públicos de Redondela convoca esta tarde ás 20:00 horas unha concentración na praza do Concello para amosar o seu rexeitamento á xestión do fondo solidarios de libros de texto destinado ao alumnado de 3º e 5º de Primaria e o de 2º e 4º de secundaria. Critican tamén a xestión das axudas para a compra de material escolar destinados aos estudantes que cursen primeiro, segundo, cuarto e sexto de primaria.
O colectivo de Anpas explica que a finais do curso pasado, cando se publicou a convocatoria de gratuidade solidaria, os centros escolares manifestaron o seu desexo de cambiar os libros de 3º e 5º que pasarían a formar parte dun banco de libros para o seguinte curso. Pero tendo en conta que o currículo de primaria en Galicia aínda non estaba aprobado a totalidade dos centros redondeláns non cambiaron os libros.
O problema xurde agora coa publicación da orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, xa que os país de 3º e 5º de Primaria que non poidan beneficiarse do fondo solidario, malia cumprir os requisitos, veranse obrigados a comprar libros de texto cos seus cartos. Unha situación que as Anpas consideran é “froito da improvisación por parte da Xunta”.
Critican tamén que haxa que publicar unha listaxe dos alumnos que teñen dereito aos manuais do Fondo da Consellería, o que implicaría saber cales teñen menos recursos.