Ningunha das propostas presentadas no pleno de onte sobre o salario que percibirá o alcalde así como as retribucións ao resto de concelleiros e grupos políticos puido ser aprobada ante a falta de acordo entre os diferentes membros da corporación. Unhas propostas que ían dende os 55.000 euros defendidos polos populares ata os 27.000 que propuxeron dende Redondela Pode pasando por cifras intermedias por parte do resto dos grupos: 40.000 euros brutos anuais foi a proposta do PSOE, 45.000 o que defendeu o BNG e 41.000 a cifra que puxo sobre a mesa AER. Logo dun receso de 45 minutos e ante a imposibilidade de chegar a un acordo Javier Bas decidiu deixar o asunto sobre a mesa.
A falta de entendemento entre os distintos grupos que conforman a corporación en Redondela quedou patente no pleno de onte no que se debatía a organización da corporación. Unha sesión extraordinaria na que se debía acordar o salario que percibirá o alcalde así como o resto dos concelleiros e grupos políticos, asuntos estes que ante a falta de acordo quedaron sobre a mesa. Ábrese agora un período de negociación co obxecto de chegar a un consenso que permita aprobar as retribucións do políticos locais. O que quedou patente nasesió nde onte é que os populares terán que rebaixar as súas pretensións, xa que os 55.000 euros que defende o grupo de goberno queda moi afastado das cifras manexadas polo resto dos grupos. Dende Redondela Pode defenden un salario de 27.241 euros anuais para o alcalde, cantidade determinada tras multiplicar o salario mínimo interprofesional por tres e por catorce pagas. Tamén os nacionalistas consideran inaceptable a proposta do PP e propoñen unha redución dun 20% no salario do alcalde, que quedaría establecido en 45.000 euros “unha cantidade digna para o representante dun concello de 30.000 habitantes ” en palabras de Xoan Carlos González. A Agrupación de Electores defendía unha redución semellante, quedando as retribucións do alcalde en 41.000 euros. O voceiro de AER, Ricardo Figueroa pedía escusas os veciños por esceneficar no pleno a incapacidade de todos os grupos de chegar a un acordo e por seren incapaces de facer unha proposta conxunta. Unha falta de entendemento que ao entender do PSOE responde “á incapacidade de Javier Bas a pactar co resto dos grupos”. Criticaron ao PP que se reunise individualmente con cada unha das formación políticas e non convocase unha reunión conxunta e defenderon a súa proposta que pasa por un salario de 40.000 euros brutos anuais. En conxunto, e segundo explicaba Eduardo Reguera, as asignacións formuladas polos populares ascenderían a 405.000 euros anuais e a proposta do PSOE reduciría esa cantidade en 84.000 euros. Logo de que cada grupo presentase as súas propostas interrompeuse o pleno durante 45 minutos nun intento de chegar a algún acordo. Ante a imposibilidade de alcanzar un consenso decidiuse deixar sobre a mesa o asunto que se abordará nunha sesión posterior. Rematado o pleno o PP responsabilizaba aos socialistas do acontecido “por negarse a negociar co goberno e presentar unha proposta que non pode ser defendida por alguén que sendo concelleiro -en referencia a Reguera- cobraba máis que o que gora defenden para o alcalde”. Carmen Amoedo con todo auguraba un rápido acordo xa que “Javier Bas é unha persoa sensata que vai antepoñer os intereses de Redondela aos seus propios”.