O PSdeG-PSOE denuncia a deixadez por parte do Partido Popular no relativo ao parque da Alameda de Chapela. Lembran que a obra debían estar rematadas o pasado 8 de xuño e a día de hoxe continúa pechado. De feito, dende o goberno local non confirman a data de apertura e aseguran que os atrasos débense a que se detectaron problemas de cimentación no parque que obrigaron a realizar unha obra civil moi importante.
O grupo municipal socialista denuncia a deixadez por parte da Deputación e do Concello de Redondela no relativo ao parque da Alameda de Chapela cuxas obras debían estar rematadas o pasado 8 de xuño e que a día de hoxe continúan sen estar finalizadas.
Explican dende o PSOE que o goberno local colocou o cartaz que anunciaba as obras durante a campaña electoral, o 19 de maio, “saltándose toda a normativa vixente”. O expediente da obra recolle que as actuacións teñen un prazo de 20 días polo que tiñan que estar rematadas as obras o 8 de xuño “pero xa pasou un mes e as obras seguen sen estar finalizadas”.
A edil socialista Leticia González engade que “malia tratarse dun parque con moita afluencia ao que hai que sumarlle o comezo do verán xunto co remate das clases, os nenos e nenas de Chapela seguen sen poder gozar do parque por unha actitude rentabilista de votos do Partido Popular en vez de preocupación pola veciñanza de Chapela”.
Unhas críticas das que se defenden os populares argumentando que a empresa encargada dos traballos atopouse con importantes problemas de cimentación no lugar o que obrigou a realizar unha obra civil importante que está retrasando os prazos previstos para a apertura deste parque cuxo orzamento ascende a 110.000 euros.