A formación nacida ao abeiro de Podemos en Redondela pasa por un momento difícil logo de coñecerse a decisión de varios dos seus membros de darse de baixa. Entre os que xa presentaron a súa dimisión atópase a que fora cabeza de lista e única representante que tiña este partido na corporación local. Raquel Quintáns anunciou que deixa o partido que lideraba pero non así a súa acta e pasa a ser concelleira non adscrita. Dende a organización política Xavier Garaloces entende que Quintáns está obrigada a someterse ás decisións que adopte a asemblea de Redondela Pode polo feito de ter asinado o seu código deontolóxico.
Á espera de coñecerse os motivos que levaron tanto a Raquel Quintáns como a outros membros de Redondela Pode a darse de baixa, dende a formación hai xa unha lectura política do acontecido nas últimas horas nas que se produciron tres baixas (dimisións que segundo os críticos poderían aumentar ata as oito). Xavier Garaloces entende que a Agrupación de Electores está detrás destas decisións “hai persoas que amosan certa querencia por esta formación política e que veñen amosando o seu malestar, por exemplo, ante a decisión adoptada en asemblea de votarnos a nós mesmos no pleno de investidura logo de que non se chegase a un goberno de concentración, xa que defendían que votásemos ao candidato de AER”. Con todo, entende Garaloces que Raquel Quintáns deberá dar explicacións sobre a súa decisión e lémbralle que no seu día asinou un código ético que está obrigada a cumprir “nestes momentos o equipo xurídico de Redondela Pode está vendo as implicacións legais e obrigas que ten por ter asinado este código deontolóxico que, entre outras cuestións, recolle que non se acepta o transfuguismo e que todo membro da formación ten que someterse ao que decida a asemblea”. Finalmente e á espera de ver como evolucionan os acontecemento amosas a súa confianza por seguir contando con representación no concello malia a baixa da única representante deste partido “Quintáns pode abandonar a organización e seguir someténdose aos preceptos da asemblea” asegura.