Os peritos descartan danos irreversibles nas mámoas de monte Penide motivo polo que a fiscal retirou os cargos contra dous dos catro acusados. Con todo, acusa ao presidente e ao secretario da comunidade de Montes de Cabeiro dun delito contra o patrimonio por non ter adoptado medidas de protección durante unha tala levada a cabo nunha área arqueolóxica na que a maquinaria utilizada provocou un afundimento do terreo e mantén a petición dun ano e medio de presión para os acusados e 5.400 euros de multa. A defensa pediu a absolución ao non considerar acreditados os danos e considerando que non ter tomado as medidas de protección oportunas debería ter desembocado nunha sanción administrativa e non un procedemento penal.
Os danos producidos en dúas mámoas de Monte Penide sentaron onte no banco a catro acusados. Con todo a declaración dos peritos que aseguraron que ditos danos “non son irreversibles” levou a fiscal a retirar os cargos contra dous dos catro acusados, concretamente contra un operario e o responsable da empresa forestal que levou a cabo a actuación sen as debidas precaucións.
A fiscal do xulgado do penal numero 3 de Vigo sí mantivo a acusación contra o presidente da comunidade de Montes de Cabeiro, Manuel Álvarez Lopez, e contra o secretario comunal, Amante Romero, porque considera que, aínda que reversibles, os danos producíronse co seu consentimento e malia seren conscientes dos efectos que a actuación podería ter sobre os xacementos. Así o testemuña o atestado da patrulla do Seprona de Vigo, que tomou fotografías de maquinaria pesada na área de respecto da mámoa.
Os acusados aseguran que a actuación realizouse fóra do contorno das mámoas motivo polo que non consideraron necesario adoptar ningunha medida de protección.