Na categoría masculina, Mecos impúxose nunha proba na que Chapela foi terceira por detrás de Castropol mentres que Cesantes acadou a cuarta posición. As remeiras do C.R. Chapela amosaron a súa superioridade na categoría feminina e conseguiron a vitoria con claridade na que era I bandeira Feminina Concello de Redondela.
A proba das mulleres abriu a xornada. Foi unha regata na que as mulleres do club organizador amosaron a súa superioridade obtendo una clara vitoria nunha proba na que non estivo presente a tripulación de Cabo das Cruz, embarcación que a mesma hora estaba loitando por entrar na liga Euskotren en Euskadi, algo que non foi posible logo de quedaren no quinto posto en dita eliminatoria.
Logo da regata feminina celebrouse a II Bandeira masculina Concello de Redondela tamén organizada polo Club de Remo de Chapela coas dúas series da División B. Mecos sumou nesta proba o seu terceiro triunfo da temporada e segue líder indiscutible na clasificación xeral, seguido de Castropol. Chapela e Cesantes mantéñense nos postos terceiro e cuarto respectivamente, curiosamente a mesma posición que tamén ocuparon na regata de onte disputada en Arealonga.