A Autoridade Portuaria elaborará un proxecto para a mellora do porto de Chapela no que se incluirá a eliminación da rampla situada na zona de atraque, unha demanda dos bateeiros da zona para evitar que os barcos suban ao molle cando a marea está alta. Tamén se elaborará un proxecto para a creación dunha piscina natural neste espazo como un atractivo turístico máis da zona.
O Presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López Chaves, xunto ao alcalde de Redondela, Javier Bas, visitaron este xoves o peirao de Chapela para coñecer in situ as melloras que demandan os bateeiros da zona. O pasado mes de febreiro os mariñeiros reuníanse co rexedor local para comunicarlle as melloras precisas na zona de atraque para facilitar as manobras das seis embarcacións que empregan este peirao, entre elas a ampliación do molle en pilotes, o dragado da zona e o nivelado da rampla. O Presidente da Autoridade Portuaria comprometeuse a elaborar un proxecto para a execución de distintas melloras neste emprazamento entre as que se atopa o nivelado da rampla, cun recheo, e a construción dunha escaleira que facilitarán os traballos de carga e descarga ademais de salvagardar a seguridade das embarcacións que non subirán ao molle coa marea alta ou o mal tempo. O Concello de Redondela e a Autoridade Portuaria tamén traballarán para a recuperación da zona interior do peirao de atraque, co obxectivo de manter a auga no seu interior e crear unha piscina natural que poida ser empregada polos bañistas e visitantes como un novo atractivo turístico da parroquia.