A fusión do jazz coa música galega e portuguesa ou a música hindú deron como resultado un repertorio variado e sorprendente recollido nun traballo discográfico que este sábado será presentado en Redondela nun concerto que se desenvolverá ás 22:00 horas na praza da Casa da Torre. Unhas “músicas do mundo” que se poderán escoitar da man de Alberto Conde-Human Evolution Project nun espectáculo musical enmarcado dentro da programación cultural do Concello.
Human Evolution Project fai dialogar elementos de tradicións musicais moi variadas, de Galicia a Cuba, pasando por Andalucía ou África, pero con dous polos: o Jazz e a música clásica hindú, representados respectivamente polos dous instrumentos solistas principais, o piano e o sitar. Un diálogo entre culturas para, neste tempo de globalización, dar a luz unha música nova, sorprendente e atractiva que se pdoerá escoitar este sábado en Redondela. O liderado de Conde, pianista de Jazz e músico chave no desenvolvemento do xénero en Galicia, vese secundado polo sitarista Shakir Khan, toda unha figura de primeira orde no seu país como intérprete no seu instrumento; o viola portugués José Valente, quen ten compartido escenario con artistas como Paquito de Rivera, Joshua Redman ou Dave Douglas-; o saxofonista e gaiteiro Xosé Miguélez; o Dj B.O.U.L.E., e o tablista Vikas Triphati. Como invitado especial, esa noite na Vila dos viadutos únese á formación o cantante nepalí Sandeep Rauth. Unha variedade de instrumentos, aires e voces que se reúnen e dialogan sobre o escenario da praza da Casa da Torre, logo de que os seus compromisos internacionais xa os levaran a actuar no “Imaxinasons”, no festival “jazz no parque de Serralves” en Porto ou a realizar unha xira pola India.