O concelleiro Xoán Carlos González acusa ao Alcalde Javier Bas e ao presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López Chaves, de poñer en perigo o futuro da Praia de Chapela, xa que de autorizarse a ampliación solicitada polo Centro Cultural de Chapela e a Asociación Náutica Albatros de Teis para ampliar os seus pantaláns “ocuparíanse 5.000 metros cadrados de lámina de auga, unha actuación que conlevará graves repercusión medioambientais e que suporá un novo prexuízo a unha beiramar xa moi castigada na que calquera modificación vai incidir de xeito negativo”.
O BNG solicitou por rexistro información para coñecer si o alcalde de Redondela lle transmitiu ao máximo responsable da Autoridade Portuaria o acordo plenario aprobado no pasado mes de marzo e no que a Corporación municipal solicitaba a paralización do proxecto tanto do Centro Cultural de Chapela como da Asociación Náutica Deportiva Albatros para ampliar os seus pantaláns e prazas de amarre nas inmediacións de Arealonga.
Lembran dende o Bloque que no pleno no que se aprobou dita moción, na que se instaba ao alcalde a dirixirse ao presidente da autoridade portuaria para que anulara ditos proxectos, os populares non a apoiaron argumentando “o seu descoñecemento sobre o que alí se ía facer”. Entenden que no caso de que se conceda o permiso definitivo para esta obra Javier Bas converteríase en cómplice de López-Chavez ao primar os intereses de determinados grupos de presión sobre o equilibrio medioambiental”.