Continúa a guerra aberta entre Redondela Pode e os militantes desta formación que decidiron abandonala por entender que “estaba secuestrada por tres persoas”. Logo do cruce de acusacións, o sector oficial asegura que na “última asemblea do Círculo de Podemos Redondela varios militantes decidiron denunciar ante a comisión ética e de garantías da organización aos membros que decidiron abandonar Redondela Pode e crear un suposto grupo de traballo municipal que nada ten que ver co Círculo de Podemos Redondela ou con Podemos, pero que si usa de xeito ilexítimo a imaxe e os logotipos de Podemos”.
Nun comunicado de prensa emitido por Redondela Pode aseguran que “os militantes que presentaron a súa baixa apoderáronse das redes sociais de Podemos Redondela empregándoas estes días para emitir opinións a favor do acto de transfuguismo que se fará efectivo no vindeiro Pleno no que Raquel Quintáns abandonará a representación de Redondela Pode e pasará a ser Concelleira non adscrita”.
O sector oficial da formación reitera as súas críticas a Quintáns e lembra as palabras do secretarios xeral de Podemos Pablo Iglesias “ante o transfuguismo tolerancia cero”.