Artistas de Cuba, Arxentina, Italia, Bélxica, Madrid ou Galicia ofrecerán máis de 30 funcións o venres 31 e o sábado 1 dentro da programación dun festival que celebra a súa XVI edición ampliando os seus escenarios. As actividades que se centraban na Alameda complétanse agora co espectáculo “Menú do Día” a cargo de Carlso Blanco e Luis Davila na praza da Casa da Torre e as función de maxia de proximidade na rúa Reveriano Soutullo.
Circo, maxia, performance e música integran un programa da man de 19 artistas con máis de 30 funcións para este venres e sábados. As novidades deste ano pasan por recuperar novos espazos da vila de Redondela, para dar cabida ao aumento de espectadores e á necesidade de medrar, como a Casa da Torre, a rúa Reveriano Soutullo que se converte nunha “rúa máxica” e que se veñen sumar ao xa tradicional escenario da Alameda na que público, a medida que a percorre, irá atopándose con diversos espectáculos dunha maneira viva e espontánea. A programación do venres contará coas actuacións do arxentino Rocky Marmota co espectáculo Saltimbanqui e o “menú do día” que nos proponen o humorista Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila. Unha xornada que rematará coa música da Fanfarria Takikardia. O sábado amplíase o espazo do Festival á rúa Reveriano Soutullo, que será utilizada coa temática de “Rúa Máxica” mentres que na Alameda destaca a actuación de Ganso & Cia, do Pais Vasco. O Festival tamén recolle esas propostas de compañías redondelás que veñen traballando dunha maneira profesional, como o grupo Caramuxo Vermello encargado de pechar a programación deste ano.