A Autoridade Portuaria aínda non tomou unha decisión sobre a solicitude de ampliación dos pantaláns nos límites da praia de Arealonga. Malia que o BNG redondelán dá por feito que o organismo rexeitará as ampliacións logo das alegacións de colectivos veciñais, non será ata setembro cando se coñeza a decisión.
As ampliacións foron solicitadas a principio de ano polos clubs que xestionan os portos deportivos nos dous estremos da praia, O Círculo Cultural Recreativo de Chapela, no lado redondelán, e a Asociación Náutica Deportiva Albatros de Teis, no límite co municipio vigués. O seu obxectivo é ampliar as prazas de amarre das que dispoñen, polo que elevaron a súa demandaron á Autoridade Portuaria. Polo de agora non houbo unha resposta oficial por parte deste organismo, dependente do Ministerio de Fomento. Con todo, o grupo municipal do BNG de Redondela, dá por seguro que a Autoridade Portuaria rexeita esta petición. O concelleiro Xoán Carlos González destacan que foron as alegacións presentadas por varios colectivos, xunto á moción presentada polo Bloque, as que forzaron á Autoridade Portuaria a paralizar os proxectos. En resposta ao escrito presentado por González, onde se lle requiría ao alcalde Javier Bas, polas iniciativas tomadas sobre a ampliación dos pantaláns, confirmouse que a Autoridade Portuaria, “paralizaba” ditos proxectos. As ampliacións, “nefastas” para Arealonga, segundo o BNG, suporían unha ocupación da lámina de auga duns 5.000 metros cadrados. Colectivos como a Asociación de Veciños de Chapela, o Club de Remo de Chapela e a plataforma A Ría Non se Vende, presentaron alegacións no seu momento. Desde o Concello advirten pola contra que a decisión aínda non está tomada, xa que a Autoridade Portuaria anunciou que será “despois do verán” cando se pronuncien.