Realizaranse cursos de teatro nos centros culturais do municipio, cun total de 75 prazas dispoñibles. Organziaranse cinco grupos nas distintas parroquias, e a participación está aberta a todos os veciños, sen límite de idade mínima nin máxima.
O Concello de Redondela retoma o programa de dinamización teatral nas parroquias. A actividade, que contaba con gran aceptación entre os veciños, estaba a desenvolverse en cinco grupos en diferentes parroquias. O Concello quere volver a ofertala, e para iso publicou na súa páxina web os pregos de condicións para a contratación do servizo durante dous anos. O obxectivo é continuar co traballo, a aprendizaxe dos diferentes estilos teatrais, continuar facendo representacións comúns dos diferentes grupos e dar apoio a esta actividade cultural e de integración social. Vanse por a disposición dos veciños ate 75 prazas, e para formar grupo nas parroquias deberá haber cando menos 6 alumnos. Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, sen límite de idade nin máxima nin mínima. Esta actividade está a ser desenvolvida pola Concellería de Igualdade e as sesións vanse levar adiante en colaboración cos diferentes centros culturais municipais e parroquiais onde se formen os grupos, cunha duración de dúas horas semanais. Coma novidade, estes grupos terán que preparar en común cando menos tres representacións que se incluirán na programación cultural do Concello, co que se dará a coñecer este traballo ao público redondelán. Esta actividade permitirá favorecer o desenvolvemento integral das persoas a da expresión teatral, pero tamén crear un marco de convivencia, sementar inquietudes intelectuais, mellorar a autoestima, a comunicación, a concentración e a expresión corporal. A dinamización teatral é un xeito tamén de potenciar “a socialización e a cooperación”, xa que esixe non só o traballo individual senón tamén o do propio grupo. Os interesados poden informarse no Centro de Información á Muller, no teléfono 986.40.80.4.