A moción presentada pola Asociación de Afectados pola Ampliación da AP-9 será debatida nun pleno extraordinario mañá venres, ás 13.00 horas, na Casa do Concello. Todos os grupos políticos da corporación amosaron o seu apoio aos veciños. Denuncian que aínda hai expedientes de expropiación pendentes, e que os traballos están a xerar fortes ruídos, tremores e inseguridade aos residentes na zona.
Os veciños de Chapela levan meses convivindo coas obras de ampliación da autoestrada, que paralizaron xa en varias ocasións. Esixen ao Ministerio de Fomento que “cumpra cos seus compromisos” e indemnice aos propietarios das vivendas afectadas. Demandan tamén máis seguridade nos tramos en obras, que afectan a servizos públicos. As protestas dos afectados teñen o apoio unánime de todos os grupos da corporación. A xunta de portavoces acordou onte a convocatoria dun pleno extraordinario para mañá venres, ás 13.00 horas, na Casa do Concello. A corporación trasladará ao Ministerio de Fomento e á empresa concesionaria Audasa os problemas que os traballos están a xerar na zona e a falta de seguridade nalgúns puntos, ao tempo que esixe a resolución urxente dos expedientes de expropiación do once casas afectadas que aínda están pendentes de valoración. Os veciños denuncian “o incumprimento reiterado” dos compromisos adquiridos polo Ministerio de Fomento antes de comezar as obras, e esixen unha reunión coa ministra Ana Pastor. Demandan tamén a convocatoria da Comisión de Seguimento das obras, pendente de que Fomento nomee ao seu representante, e a paralización das obras mentres non se resolvan as súas demandas.