Un ano máis o Colectivo Lúa Meiga, xunto a Sociedade Cultural do Viso e a Asociación Maimiña, organizan o festival Noite da Lúa Meiga, que chega este sábado á súa 14ª edición co tradicional desfile de “Meighachimpíns”, obradoiros e espectáculos para o público infantil e as actuacións de Quempallou, Ultreia, Abóbriga e Ce Orquestra Pantasma, entre outros.
O Miradoiro do Monte Outeiro Grande volverá ser este sábado, día 29, o escenario da Noite da Lúa Meiga. Un enclave único na bisbarra desde onde se pode contemplar toda a Enseada de San Simón e a Ría de Vigo, cunha vista panorámica espectacular de toda a comarca. As actividades comezarán ás 11:30 coa concentración dos “Meighachimpíns” no Torreiro da Gándara para seguir o percorrido ata o miradoiro. A continuación haberá xantar popular, amenizado coa música do grupo portugués Os Carriços. A partir das 16:00h comezarán as actividades infantís con xogos tradicionais, obradoiros e manualidades, e os contos e cantos de “A banda dos Cueiros”, para dar paso logo á a actuación “do grande home orquestra”, Ce Orquestra Pantasma. De seguido, e sen tempo para o aburrimento, comezarán os concertos sobre as 20.00h. No escenario estarán Os Carriços, os coruñeses Maghúa Cantareiros, Ultreia, Abóbriga e Quempallou. Unha festa deseñada polos organizadores “para goce de todos os públicos”, segundo explica Josiño da Teixeira, cun amplo abano de actividades e espectáculos “para todas as idades” e cun denominador común: unha oferta cultural “cen por cen galega”, con artistas adicados á difusión e promoción da cultura musical tradicional do país. A Noite da Lúa Meiga conta nesta edición coa colaboración directa de moitos veciños do Viso, locais e negocios da comarca, a Comunidade de Montes do Viso, o Concello de Redondela, Protección Civil e a Deputación de Pontevedra.