O Play Off de ascenso dispútase esta fin de semana en augas coruñesas da Pobra, e o C.R. Chapela pelexará por unha praza na categoría masculina. En canto á embarcación feminina, competirán mañá sábado na I Bandeira Feminina de A Pobra, e o domingo en Mera. Será a antesala da súa viaxe a San Sebastián para participan na clasificatoria da Bandeira da Concha.
O presidente do C.R. Chapela, Julio Prado, recoñece que as opcións de ascenso á LGT-A “son escasas”, porque ademais de ter que superar a fase, o ascenso estará condicionado do que aconteza no resto de categorías. Como acontece noutros deportes pode haber “arrastres”, e variar o número de prazas vacantes en función dos equipos que ascendan e descendan da liga ACT. Con todo, Prado asegura que o seu obxectivo será saír “a facer a mellor regata posible”, para poder ter opcións de regresar á máxima categoría do remo galego. De non conseguilo este ano, seguirán traballando no seu proxecto para poder cumprir o obxectivo “o antes posible”. Remo feminino En canto á embarcación feminina de Chapela, esta fin de semana teñen unha dobre cita. Mañá sábado remarán a I Bandeira Feminina Concello de A Pobra, e o domingo volven competir para disputar a Bandeira de Mera, que foi suspendida a pasada semana por mor do mal tempo. Dúas regatas que servirán ás deportistas para poñerse en forma de cara ao reto que teñen por diante a próxima semana. O xoves, día 3 de setembro, participarán nas probas clasificatorias da Bandeira da Concha, en San Sebastián. Deste xeito a directiva do club redondelán cumpre co compromiso adquirido coas remeiras, ás que prometeu levar Á Concha se os resultados da temporada o permitían.