Hoxe é Mércores 27 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela únese para esixir a Fomento a paralización das obras da AP-9 en Chapela

RR_Noticias

A  corporación municipal de Redondela aprobou onte por unanimidade unha moción presentada pola asociación de afectados as obras da autoestrada na que se insta ao Ministerio de Fomento a “paralizar as obras de ampliación da autoestrada AP-9 ao seu paso por Chapela mentres non se cumpra o acordado”. Os afectados demandan aos grupos políticos que estean cos veciños “cóbado con cóbado” e que o seu apoio non se limite “ao papel”. Demandan tamén a convocatoria da Comisión de Seguimento das obras e unha reunión coa ministra Ana Pastor.

O compromiso adquirido por Fomento cos afectados incluía o pago das vivendas aos expropiados antes de comezar os traballos, pero aínda hai a día de hoxe once expedientes pendentes de valoración. O presidente da asociación de afectados, Rafael Baltasar Cela, foi o encargado de ler a moción ao comezo do pleno, celebrado no Multiusos do Piñeiral do Crego coa presenza de multitude de veciños.  Pancartas con lemas como “Non á destrución de Chapela”, “Gran pelotazo”  ou “Máis ampliación, máis recadación” presidían a sesión plenaria. Na moción, aprobada por todos os grupos da corporación,  sinálase que “unha vez que comezaron as obras produciuse un incumprimento por parte do Ministerio de Fomento respecto ao pago das expropiacións, a compra dos terreos para trasladar o CEIP Igrexa e a reposición de servizos municipais afectados”. A concelleira non adscrita, Raquel Quintáns, manifestou o seu apoio á moción dos veciños e lamentou “o atropelo” ao que están sendo sometidos.  O edil do BNG, Xoán Carlos González, responsabilizou tanto ao PP como ao PSOE  das polémicas obras de ampliación da AP-9, ás que os nacionalistas “sempre se opuxeron” xa que non resolverán os problemas de tráfico nos accesos a Vigo, ao crear “un funil” na entrada a Teis. Lembrou que a deputada do BNG Olalla Fernández Davila ten levado ao Congreso unha ducia de iniciativas denunciando que Fomento “deixa indefensos aos veciños ante Audasa e as empresas que realizan as obras” Tamén o concelleiro de AER, Jorge Varela “Chopi”, culpou aos ministros José Blanco, do PSOE, e Ana Pastor, do PP, da “desfeita” que as obras da AP-9 supoñen para Chapela. Varela demandou do goberno local algo máis que “palabras” de apoio. Lembrou que o Concello ten competencias en normativas como “seguridade, ruídos, circulación de vehículos pesados, etc.” que se poden aplicar para reducir os prexuízos que padecen os veciños.  Convidou tamén ao goberno local do PP que leve as demandas dos veciños ao acto oficial que o seu partido celebra mañá en Soutomaior, coa presenza do presidente Rajoy e a ministra Pastor. Pola súa banda, o portavoz do PSOE, Eduardo Reguera, recoñeceu que o seu partido é culpable “en parte” desta ampliación, malia que o PSOE redondelán “sempre se manifestou en contra das obras”. Demandou máis información do Ministerio de Fomento e a posta en marcha da Comisión de Seguimento das obras,e lembrou que tiveron que ser os veciños “os que pararon as máquinas ante os abusos das empresas”. O voceiro do PP, Miguel Ángel Álvarez, rexeitou entrar en polémicas sobre as responsabilidades da ampliación dos populares ou socialistas, e advertiu que o problema é que o Fomento “non está a cumprir cos seus compromisos”, polo que o Concello esixirá que o ministerio asuma o acordado, e que se convoque a Comisión de Seguimento. Rematada a sesión membros da plataforma de afectados tomaron a palabra para lembrar aos asistentes que continuarán coa paralización das obras no tramo entre a Igrexa e os IES Chapela. Un dos voceiros, César Domínguez, esixiu que o apoio dos políticos non se limite só a un acordo plenario, e pediulles que estean ” cóbado con cóbado cos veciños”, demanda que recibiu a ovación do público congregado no auditorio. O alcalde redondelán, Javier Bas, comprometeuse tras a sesión a trasladar o acordo plenario á propia ministra Ana Pastor mañá en Soutomaior, no acto oficial de inicio do curso político que o PP celebra na bisbarra. Tamén avanzou que tentará xestionar unha entrevista entre a ministra e os afectados.  

Raquel Quintans edil non adscrita
Demandou do Concello de Redondela un maior apoio aos veciños afectados.
Xoán Carlos González BNG
Culpou tanto ao PSOE como ao PP das obras de ampliación da AP-9 e demandanou un apoio rel aos veciños.
Jorge Varela AER
Advertiu que o Concello ten competencias para poñer atrancos ás obras en materia de ruídos seguridade tráfico de vehículos pesados etc.
Eduardo Reguera PSOE
Esixiu a posta en marcha da Comisión de Seguemento das obras.
MIguel Angel Alvarez PP
Evitou entrar en polémicas sobre a responsabilidade política das obras e advertiu que o importante é que Fomento cumpra os acordos cos afectados.
César Dominguez plataforma de afectados
Os veciños esixen dos políticos un apoio real ás súas reivindicacións coa súa presenza na rúa.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará