A falta de coñecer os datos do mes de agosto, este ano 2015 está a rexistrar unha gran afluencia de peregrinos no Camiño Portugués, cun incremento do 20% con respecto ao ano pasado. A maioría dos camiñantes son estranxeiros, un 51%.
A ruta de peregrinaxe que atravesa Redondela consolídase como a segunda con máis adeptos, por detrás do Camiño Francés, e segue a incrementar ano tras ano o número de peregrinos. En total no que vai de ano chegaron a Compostela 237.000, dos que máis da metade son estranxeiros. A directora xeral de Turismo, Nava Castro, salienta a importancia da ruta xacobea como motor económico para Galicia, xa que é un polo de atracción mundial. Salienta que en moitos puntos do planeta como Xapón, EE.UU., Australia ou Corea coñecen Galicia grazas ao camiño. Trátase dun reclamo turístico en auxe, xa que cada ano son máis as persoas que se deciden a peregrinar a Compostela polas diferentes rutas, entre o Camiño Portugués, menos masificada que o Camiño Francés e co atractivo de unir as rexións galega e lusa. No albergue da Casa da Torre pasaron a noite xa 4.670 peregrinos, entre xaneiro e xullo. A responsable de Turismo na Xunta salienta tamén que, malia que os meses de verán son os de maior afluencia, cada vez son máis os que se deciden a facer o Camiño de Santiago noutras épocas do ano. De feito, desde o 1 de xaneiro, o albergue da Casa da Torre acolleu peregrinos a diario. E cunha particularidade, nos meses de inverno a porcentaxe de estranxeiros é maior, un 62% dos que percorren o camiño fóra da tempada estival son forasteiros. Outra das preocupacións de Nava Castro é a seguridade dos peregrinos, especialmente nalgúns tramos que atravesan a nosa bisbarra, como o seu paso pola N-550. O plan director, que se presentará na primeira semana de setembro contempla melloras neste eido.