Con varios meses de atraso ven de darse a coñecer cal será o persoeiro ao que se lle dedicarán diferentes actos durante o que resta de ano. Segundo informan dende a Asociación Alejandro Otero finalmente foi a súa proposta a aceptada e aprobada pola Comisión de Cultura encargada de decidir cal é o Persoeiro do ano. Unha distinción que ten a súa orixe catro anos atrás e que permitirá aos veciños coñecer máis a fondo a vida e obra do médico e político Telmo Bernárdez Santomé (1885-1936) de quen se cumpre este ano o 125 aniversario do seu nacemento. A proposta aprobarase no pleno que se celebra mañá mércores ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira.
O ano 2015 dedicaráselle ao que fora alcalde de Redondela, Telmo Bernárdez. A decisión foi adoptada na comisión avaliadora de Cultura, un acordo que deberá ser ratificado e aprobado en Pleno co obxectivo de elaborar unha programación que serva para espallar e dar a coñecer a súa figura.
A Asociación Alejandro Otero foi quen propuxo ao Concello que se designase a Telmo Bernárdez como persoeiro do ano. Un home de quen destacan os seus méritos profesionais e políticos. Así no ámbito laboral lembran que chegou a ser Secretario e Vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Pontevedra. ademais de inspector municipal de sanidade. Tamén principal impulsor do Xornal local “La Opinión” e o Xornal Provincial “El País”. No eido político xogou un papel importante, sendo alcalde da nosa Vila en 1923. Telmo era de ideas Republicanas e moi afín o movemento Galeguista, foi ademais un dos impulsores do acordo da Federación República Galega así como candidato na conxunción Republicano Socialista Agraria en 1931 da que foi membro do comité electoral e participou como orador en diversos actos a favor do Estatuto. Un compromiso político que o levaría a ser apresado e encarcerado en Vigo, a Illa de San Simón e Pontevedra logo do golpe de estado do 36. Sometido a xuízo sumarísimo, foi condenado a morte, sendo fusilado o 12 de novembro na estrada de Campañó.
Un recoñecemento o de Persoeiro do Ano que nacía co obxectivo de dar a coñecer entre os veciños a aqueles redondeláns ilustres que malia os seus méritos en diferentes campos eran descoñecidos entre os seus conveciños. Logo de tres anos onde este recoñecemento recaeu sobre Casto Sampedro no 2012, Alejandro Otero no 2013 e Rita Otero Fernández no 2014, este ano os actos xirarán en torno a figura de Telmo Bernárdez de quen ademais se cumpren 125 anos do seu nacemento.