O ata agora capitán do equipo redondelán asume nesta nova temporada o papel de coordinador do club. Manuel Otero colga as botas despois de vinte anos e asume un novo reto no Redondela F.S. cunha directiva moi renovada logo da marcha de Julio Mougán.
O actual concelleiro de Deportes levaba no club “gran parte do peso deportivo e de xestión”, e a súa saída supuxo afrontar cambios na entidade. Parte da responsabilidade na organización recae agora sobre Otero, que decidiu deixar a súa faceta como xogador para ser “o enlace” entre os deportistas e a directiva. Recoñece que a súa experiencia como xogador logo de dúas décadas no club serviralle de moito nesta nova etapa como coordinador. Logo de que Antonio Bas asumira a presidencia, o principal obxectivo do club era fichar un novo adestrador. A tarefa non foi doada, segundo Otero, xa que Mougán deixara o listón “moi alto”, polo que moitos técnicos rexeitaron a oferta do club redondelán. Finalmente Jorge Expósito foi o elixido, un home con moita experiencia como árbitro deste deporte, e tamén como técnico na categoría feminina do Leis pontevedrés. O club está inmerso agora na recta final da pretemporada, e confían en facer un bo papel na Liga Galega Sur. O sábado participarán no Torneo de Fútbol Sala de Pazos, onde estarán tamén Campito, Arealonga, Pazos e Leis. Será a antesala da competición oficial, que os de Redondela comezarán en Vigo diante do Lume Bamboo o sábado día 19. Para Manuel Otero o obxectivo é manter “o nivel de competitividade” dos últimos anos, e rematar entre os tres primeiros clasificados da liga.