A Asociación de veciños de Chapela critica ao alcalde Javier Bas por “consentir que comecen as obras na parroquia, coa ocupación da estrada do Torreiro, poñendo valados ata a metade da estrada incluídas as beirarrúas sabendo que se trata do único acceso a Igrexa, cemiterio, Multiusos e vivendas, sen contar con viais alternativos e sen accesos adecuados para os viandantes. Insisten ademais en que dende o goberno non se debía ter consentido que arrancaran os traballos ata que todos os afectados tiveran resoltas as expropiacións.
Engade a asociación de veciños que os “intereses dos afectados só están a ser defendidos por eles mesmos mentres os representantes do equipo de Goberno Municipal deixan a empresa que está a executar as obras “que campe as súas anchas” e incumpra coa súa obriga de habilitar os viais e beirarrúas alternativos nas zonas afectadas, antes de comezar ningún tipo de obras de ampliación.
Pregutan ademais ao alcalde qué iniciativa se vai tomar dende o concello “ante as ameazas de Audasa contra os veciños de Chapela afectados pola ampliación” en referencia a unha comunicación que a empresa concesionaria lles trasladou aos veciños advertíndolles de que aquelas accións que poidan demorar as execución das obras poderían implicar unha sanción.
Lembran ademais que a día de hoxe non hai una resposta concreta sobre “as reivindicacións aprobadas unanimemente en pleno sobre a eliminación da peaxe de Rande, a instalación de proteccións acústicas, a mellorar dos viais e, sobre todo, o soterramento da autoestrada no tramo entre o pavillón e a ponte de Pasán”.
Finalmente critican que se incumprise un acordo plenario no que se establecía que os representantes de todos os grupos políticos puideran asistir a una xuntanza na que finalmente só estiveron presentes membros do goberno local, a asociación de afectados e representantes do Ministerio de Fomento e Audasa.