O club ten marcada unha meta moi clara para esta temporada, clasificarse entre os dous primeiros equipos da Primeira Estatal, os que dan praza para participar na fase de ascenso a División de Honra Prata. O presidente do club, Manuel González Soto, demanda tamén un maior recoñecemento ao traballo da entidade por parte do Concello, que se traduza nun incremento das axudas económicas.
Arrancaron a liga o pasado sábado cunha vitoria a domicilio sobre o Porriño. Triunfo importante para consolidar ao equipo como favorito a acadar unha das prazas que dan o pase ao “play off” que se lles escapou a pasada campaña. O presidente, Manuel González Soto, afirma que o equipo ten un cadro de xogadores capaz de asumir o reto e cumprir co obxectivo, logo de reforzarse con incorporacións como Pablo Orge ou Vargas. O sábado estrean a liga na casa, cun interesante derbi diante do Lavadores, no que agardan un cheo de público, tanto dos afeccionados do Chapela como os que se despracen de Vigo para ver un partido “de rivalidade”. División de Honra Prata Feminino En canto ao cadro feminino Soto confía en repetir os éxitos da pasada campaña. Aspira a que as xogadoras de Lupo, que repiten en División de Honra Prata, estean de novo entre as cinco mellores da categoría. Nesta temporada contarán cun aliciente engadido, a disputa dos derbis locais co SAR Shopimagen logo do ascenso do equipo redondelán. O primeiro partido do equipo feminino será o próximo sábado no pavillón do Carballal, ás 18.30 horas. O Balonmán Chapela demandan máis axudas do Concello No club ven o futuro deportivo con optimismo, pero lamenta a precariedade económica coa que deben asumir a liga que acaba de comezar. Soto demanda un maior “recoñecemento” por parte do Concello de Redondela, e aspira a que a normativa para as subvencións aos clubs deportivos mude, para poder optar a maiores axudas. Salienta que en Redondela o balonmán é “o deporte rei”, tanto pola antigüidade de clubs como a SAR e o Chapela, como pola súa traxectoria na elite do deporte a nivel estatal.