“Camiña don Saxo” é o título do cuarto traballo discográfico desta orquestra única polas súas características, tanto pola súa composición como polo seu espírito formativo e didáctico. Este venres presentan no Multiusos este novo disco, un traballo “innovador para a formación xa que por primeira vez conta coa presenza de cantantes solistas, e innovador para o público ao incluír temas propios e arranxos de temas populares galegos como “Lela” a ritmo de swing, jazz ou funky acompañado tamén cun rap”. O concerto será o venres 2 ás 20:30 horas no Multiusos.
Atrás quedaron xa discos como “Sempre crescendo” publicado no ano 1996 ao que seguirían Reswingdondela no 2001 e máis recentemente, no 2012 “En SaxSimon”. Presentan un traballo que racha co feito ata o de agora e integra a voz de diferentes colaboradores que se subirán tamén ao escenario o vindeiro venres. Un concerto cun repertorio variado no que se poderán escoitar tamén temas de Frank Sinatra, Chavela Vargas, Joaquin Sabina. Unha música, que volverá soar nese mesmo escenario o día 16 “programamos dous concertos porque sabemos que o aforo quedará pequeno para acoller a toda esa xente que sempre nos apoia e nos segue”. Froito da ilusión que poñen en cada actuación e do traballo dos seus 40 integrantes -algúns de tan só 8 anos de idade- dentro de medio ano realizarán unha xira que os vai levar a Alemaña e Holanda. Un ciclo de concertos que se xestou a través das novas tecnoloxías “un director alemán chamado Thomas Voigt coñeceu o noso proxecto a través de Internet, visitou Redondela e quince días despois chegounos a invitación para realizar esta xira que arrancará en maio”.