O adestrador do Choco amósase moi satisfeito cos resultados do equipo, pero sobre todo coa imaxe que proxecta no campo. E non é para menos, están na terceira praza e a tan só un punto do liderado. Con todo, Montes é prudente, advirte que esta situación é anecdótica e xa pensa no Noia, o próximo rival.
Se quedaba algunha dúbida sobre os resultados do equipo redondelán logo do cambio de adestrador, xa están disipadas. Esta temporada Marcos Montes tomou o relevo do seu irmán Jacobo no banco do Choco, e está a asinar un arranque de liga espectacular. Logo de nove xornadas os redondeláns son terceiros e suman 16 puntos. Todo grazas a catro vitorias e catro empates, o último o pasado domingo no campo do Alondras, ao que agora adestra Jacobo Montes. Un partido “especial” para os dous técnicos, que se enfrontaban por primeira vez en Terceira División, aínda que o tiñan feito anteriormente en categorías inferiores. Un reparto de puntos “xusto” logo dun partido “cun tempo para cada equipo”. Non foi o único empate da xornada, houbo sete en total, o que reflicte a igualdade que se vive esta temporada nunha liga moi competitiva. Por iso para Marcos Montes a terceira posición do Choco é “circunstancial”, e móstrase moi prudente cos obxectivos para esta temporada. É cedo para facer cábalas, pero o certo é que o Choco está a tan só un punto do liderado, que ostentan Cerceda e Rápido de Bouzas. Montes amósase moi satisfeito non só polos resultados, senón sobre todo “pola imaxe do equipo”, que demostra xornada tras xornada a súa solidez nun comezo de liga que cualifica de “sensacional”. O técnico recoñece que estes primeiros meses eran “moi importantes” logo da súa chegada ao banco, e que os bos resultados dan confianza. Deste xeito afástase calquera dúbida sobre o rendemento que puidera dar o equipo ás súas ordes, logo de catro temporadas “espectaculares” con Jacobo Montes. Coa tranquilidade que dan os resultados, e coa prudencia de marcar a salvación como obxectivo, o Choco prepara o partido co Noia. Marcos Montes non se fía do recentemente ascendido, advirte que chegarán a Santa Mariña cunha defensa férrea para tentar facer dano á contra. Con todo, confía na calidade do seu equipo para sacar un resultado positivo e seguir sumando. Será o domingo ás 17.00 horas.