Os proxectos para eses edificios foron moitos nos últimos tempos, dende destinalas a diferentes usos para dar cabida ás asociacións culturais e veciñais, crear vivendas sociais que se puideran alugar a xentes de escasos recursos ou ubicar nese espazo un viveiro de empresas, que é a última proposta na que está a traballar o goberno de Javier Bas.
Sexa cal sexa o uso que finalmente se lle dea, a titularidade dos terreos segue en mans de Costas por tratarse dun dominio público marítimo-terrestre. Uns terreos cedidos ao concello no ano 1969 por un período de 50 anos que remata no vindeiro 2019. Un feito que segundo explica o edil de interior, Arturo González “deixa nunha difícil situación a posibilidade de realizar calquera proxecto, motivo polo que é necesario solicitar unha ampliación da cesión”.
O obxectivo do goberno local é destinar o edificio a un Centro de Iniciativas Empresariais (CIE) en colaboración co consorcio de Zona Franca, unha iniciativa dirixida a que os emprendedores dispoñan dun local para iniciar o seu proxecto empresarial en Redondela.
A proposta de ampliar a cesión foi apoiada por todos os grupos, quen insistiron na necesidade de que se tramite definitivamente a desafectación de ditos terreos para que pase a titularidade municipal, un proceso iniciado no 2008 pero que segue pendente dos trámites administrativos.