Mª José Villar, responsable da biblioteca de Chapela, amosa a súa satisfacción logo de pasar un mes en Cabo Verde país ao que viaxou da man do proxecto “Vacacións con traballo” que desenvolve o Fondo Galego de Cooperación e Soliedariedade. “Unha experiencia moi recomendable tanto persoal como profesionalmente” á que tan só poden acceder os traballadores da administración pública que desexen investir o seu mes de vacacións colaborando como voluntarios nos países nos que se oferta algunha praza.
Villar trasladouse a Cabo Verde durante todo o mes de outubro co obxecto de desenvolver un traballo de apoio na Cámara Municipal de Santa Cruz en materias como a xestión do funcionariado e o rexistro bibliotecario. Entre os seus obxectivo iniciais estaba o de poñer en marcha un programa informático para facilitar a catalogación dos fondos bibliográficos “finalmente non se puido facer por cuestións técnicas pero seguimos traballando na distancia co obxecto de mellorar a organización da biblioteca local”. Con todo, amosa a súa satisfacción por outras accións que saíron adiante “como por exemplo implicar a outros departamentos da Cámara na promoción da propia biblioteca ou establecer un programa de achegamento dos escolares ás actividades do centro de lectura”. Anualmente o Fondo galego de Cooperación abre o prazo de presentación de solicitude para participar deste programa de vacacións solidarias ofertando diferentes prazas en función da necesidade do país ou organismo no que se vaia desenvolver a colaboración. Mª José Villar, malia o entusiasmo co que “vende” este proxecto xa sabe que non poderá repetir pero recomenda “a todas as empregadas e empregados das administracións locais galegas con interese polo voluntariado a inscribirse nas próximas convocatorias”.