A Asociación de mulleres Arela presenta o primeiro libro dedicado integramente á parroquia de Saxamonde, un libro no que se recollen 169 imaxes baixo o título “Mulleres e memoria en Saxamonde” e que se presentará este sábado ás 18:00 horas nun acto aberto que se desenvolverá na antiga escola da parroquia. Unha presentación literaria na que o protagonismo estará centrado nalgunhas das mulleres que aparecen retratadas e cuxos relatos serviron para fiar todas estas imaxes.
Dividido en varios capítulos nos que se agrupan por temáticas as 169 imaxes impresas, o libro recolle fotografías en torno á familia, a escola, o traballo, o lecer, a relixiosidade e os retratos. Precisamente neste último apartado é onde atopamos as imaxes máis antigas, sendo un retrato do ano 1910 o máis antigo dos datados. Un documento impreso que amosa todos os cambios experimentados ao longo do pasado século, tanto nos usos e costumes como no propio territorio e que serve ademais “para poñer en valor o importante papel da muller tanto dentro como fora da casa”. Leiteiras, operarias do téxtil, mulleres realizando tarefas do campo… imaxes algunhas delas xa pertencentes ao pasado a outras que podemos ver a día de hoxe pero que amosan cambios salientables en todos os aspectos, incluído a moda. Dende Arela, Marga García non oculta o seu orgullo “porque sexa unha asociación de mulleres que publique o primeiro libro sobre a parroquia cunha visión que pon en valor ás mulleres como elemento central que vertebra a historia de Saxamonde”. A data de presentación do libro, o vindeiro sábado 21, non é casual xa que se buscou unha data próxima á conmemoración do Día Internacional contra a violencia de xénero “como contribución a eliminación das desigualdades e recoñecemento á participación activa das mulleres na historia”.