O Concello de Redondela traballa na construción de dous parques caninos. Un en Redondela, na zona da Marisma, e outro en Chapela. Un proxecto moi ben recibido, tanto polos veciños que teñen mascota, como polos que non a teñen. Todos entenden que un espazo destas características é necesario en Redondela, xa que mellorará a convivencia entre veciños e animais.
Luis, que adoita pasear ao seu can Tristán pola Alameda, explica que deste xeito os cans poden gozar ao aire libre, “ao tempo que non molestan a outros usuarios nos parques e xardíns”. Unha idea que comparte Sonia, que malia non ter mascota, defende o dereito que teñen os propietarios dos cans “a contar cun lugar axeitado para os seus animais”. Para Esteban, propietario dun can, sería tamén unha moi boa nova poder contar cun parque canino en Redondela. Un espazo axeitado para que as mascotas poidan correr e socializarse, sobre todo “pensando naquelas que viven en pisos”, e non dispoñen de espazo ao aire libre. Pero o parque canino non é a única demanda que os veciños fan ao Concello en relación ás mascotas, e apuntan outra necesidade: “que se controle a recollida de excrementos”. Tanto os propietarios de cans como os que non os teñen lamentan a “irresponsabilidade” de moitos donos, que deixan na rúa os excrementos dos seus animais. Unha situación “lamentable”, como apunta Sonia, e que para ela é “máis importante que a creación dun parque”. Por iso demanda do goberno local un “maior control” sobre a recollida dos excrementos con sancións “de verdade” para os que non o fagan. E apunta tamén a necesidade de facer cumprir as ordenanzas sobre os cans que deben ir pola rúa “atados ou con bozal”. A proposta do PSOE de crear dous parques para cans tanto no casco urbano de Redondela como en Chapela foi aprobada por unanimidade. O goberno local explicou que “está a traballar” na creación dos parques, e que buscan financiamento para acondicionar estes espazos para animais, cuxo custe se aproxima aos 9.000 euros. Concellos veciños como Soutomaior contan xa cun parque canino, en Arcade, e no prazo de tres meses inaugurarán o segundo na avenida de Castelao.